5/14/2012

Dous poemas de denuncia.

Desta vez Celso Emilio deixounos o seu poema Digo Vietnam  para verquer nel palabras referidas a temas que preocupan nas nosas clases de primeiro. Os de 1ºD quixeron falar da situación económica, a crise, e os de 1ºC decidiron denunciar o maltrato que sofren as mulleres, un tema co que están moi concienciados. Velaquí os resultados desta poetización colectiva:


Digo crise
Digo escenario de crise.
A penas digo nada

Digo economía e parados
de país empobrecido.

Digo recortes na educación,
clases masificadas,
caída das escolas.
fracaso, taxas, bolsas,
folgas de estudantes, paro.

Digo enfermidades graves,
temor de morte,parálise, camas, xiringas,
sala de espera, medicamento
e repago con descaro.

Digo estafas indignantes.
A penas digo nada,
digo político corrupto,
depredador de patrias.

Digo déficit, liquidación,
hipotecas,facturas,
presidente, Cáritas,
ONG, amargura, bancos.

Digo ricos cada vez máis ricos.
A penas digo nada
Digo desigualdade e xa está todo dito
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo
digo corrupción e basta.
Alumnas e alumnos de 1ºD

Digo maltrato
Digo violencia de xénero
A penas digo nada

Digo dor e pranto
de mulleres magoadas.

Digo nenos sen nais,
orfos de agarimos e abrazos,
medo á escuridade e bágoas.

Terror, golpes, aldraxe,
marcas de rabia, agresividade.

Digo humillación brutal,
caras de ansia,insultos, envexas,
escravitude, verdugo
e danos na alma.

Digo silencio abafante,
A penas digo nada.
Digo home maltratador,
depredador de mulleres.

Digo labazada, contusión,,
ollos morados, puño,
alcohol, remorsos,
denuncia, amargura, baba.

Digo perdón que el reclama.
A penas digo nada
Digo mulleres e xa está todo dito
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo
digo maltrato e basta.
Alumnas e alumnos de 1ºC

E este é o orixinal de Celso Emilio, co que se referiu á barbarie da guerra do Vietnam:

Digo Vietnam.
Digo bomba de fósforo
A penas digo nada

Digo lombriga e larva
de carne apodrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra,crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante

A penas digo nada,
digo ianqui invasor
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA usa.

A penas digo nada
Digo Vietnam e xa está todo dito
cunha soa palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo
digo Vietnam e basta.
Celso Emilio Ferreiro:Viaxe ao país dos ananos.

4 comentarios:

  1. Quedounos bastante ben o poema de Digo maltrato, pareceunos un bo tema para facelo, polas cousas que pasan todos os dias. Creámolo todos xuntos na clase.Cada un iamos dicindo as palabras que se nos ían ocorrendo, logo elixíamos as palabras mais adecuadas E ao final quedounos así.

    ResponderEliminar
  2. Encantáronme estes tres poemas porque tratan temas actuais e moi debatidos .Tamén porque protestan contra as inxustizas que supoñen estes temas.

    ResponderEliminar
  3. Gabriele Dos Santos 1º C22 de maio de 2012, 16:59:00

    Encantáronme os tres, porque son realistas pero o de 1ºC és o mellor porque fala sobre os maltratos ás mulleres.

    ResponderEliminar