Amosando publicacións coa etiqueta fantasía.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fantasía.. Amosar todas as publicacións

5/20/2013

ESTA RAPAZA METE MEDO!

Lede este inquietante relato, terceiro xa que nos regala Andrea (e que non pare!). Lédeo ... se vos atrevedes.



A casa do bosque

Tódolos sábados ía á miña aldea. Estaba farta. Chegaba e quedaba aburrida, todo o santo día metida na casa. Decidín que iso non podía seguir así. Fun dar unha volta polos arredores. De súpeto cheguei ata  unha casa cerca do bosque que non recordaba vela alí nunca. Entroume a curiosidade e fun inspeccionala. Era unha casa vella e estaba en ruínas, pero atraíame moito. Entrei. No recibidor só había unha mesiña pequena e algo rota. Seguín camiñando polo corredor. Non había ningunha outra habitación, cousa que me estrañaba xa que a casa parecía máis grande dende fóra. Entón subín ata a planta de arriba. Estaba escuro, moi escuro. Inspeccionei o lugar. Había vellos obxectos e cachifallos inútiles, que non servían para nada. Vin unha luz moi tenue. Fun ata alí e encontreime cunha persoa encollida, tirada no chan. Quixen saber quen era e chameina. Levantou a cabeza e puiden ver que se trataba dunha persoa anciá, que tiña a cara chea de cicatrices. Asusteime e saín correndo. Sen darme conta adentreime no bosque. Estaba agotada e parei. Recapacitei e vin que me adentrara moito e que estaba perdida. Fíxose de noite e eu seguía perdida nese bosque. Estaba soa no medio da nada e iso empezaba a fastidiarme un pouco. Tiña frío e fame. Senteime no chan e escoitei o ouveo dun lobo. Agora si que estaba perdida! Que faría eu se me encontraba cos lobos? E se viñan a por min? Oín pasos, pero non eran pasos de animais, eran pasos de persoas. Pensei na señora da casa e dispúxenme a saír correndo cando caín nun burato e perdín o coñecemento. Cando espertei estaba atada no medio do bosque. Tiña varias feridas, sobre todo unha gran brecha na cabeza. Fixen unhas cantas manobras e conseguín desatarme, xa que non me ataran moi ben. Púxenme en marcha e atopei un pequeno río. Lavei as feridas e seguín co meu camiño. Estaba cansa e adormecín debaixo dunha árbore. Cando espertei o primeiro que vin foi a señora da casa que me miraba. Mantiña unha boa distancia con respecto a min. Levanteime e continuei camiñando, mais ela non me dixo nada. Só se dedicou a seguirme. Esa señora poñíame os pelos de punta. Cando comecei a divisar casas a anciá penetrou no bosque. Pareceume moi estraño, pero a miña casa estaba xa moi cerca e quería chegar axiña. Cando aparecín polo meu fogar contei todo o que me acontecera. Os meus pais e demais familia non estaban moi convencidos do que lles contaba e decidiron ir ver se existía tal casa e tal vella coa cara chea de feridas. Chegamos e non había nada. Desaparecera todo. No lugar onde estaba construída a casa tan só había un muro. Nese muro escribiran algo. Estaba escrito con sangue e poñía:
Irei por ti, xúrocho, vas morrer.

                                                       Andrea Buyo Míguez 1ºB Nº5

5/06/2013

Pedro Ferriol: Un home na praia.

http://www.edetiendas.com/imagenes/Un-home-na-praia-17936.jpgPaulo quedou orfo moi novo. Aos trece anos o capitán Thomas acolleuno no seu barco, no cal navegaron durante vinte e sete anos ata a xubilación do seu amigo. En terra, Paulo acostúmase a pasear á beira do mar pola morriña que ten. Un día atopa a Alma, unha serea que lle propón un bico de amor.
    Un home na praia recolle doce contos fantásticos e de intriga que se basean no amor e na fantasía. Ademais conta con finais sorprendentes e imaxinativos.

Francisco Quintanilla 2ºC

4/26/2013

O BURATO NEGRO


Ese día quedara a facer horas extras no meu traballo. Estaba na miña fría e escura oficina. Mandáranme facer cen fotocopias, nin máis nin menos, cen. Pero cando fixen a fotocopia número vinte e un fallou algo. Saíu cun gran burato negro no medio, era tan grande que ocupaba todo o folio. Despois de estar un bo anaco pensando, decidín tocala. E que sorpresa levei! Podía atravesar a materia coa fotocopia. Funme. Deixei o traballo sen terminar, pero dábame igual. Cando cheguei á casa tiven unha gran idea. Ese insignificante papel ía cambiar a miña vida.
Chamei a un amigo. Só era un amigo aínda que eu quería que fose algo máis que iso. Quedamos no parque onde nos coñecemos e a fotocopia era a número vinte e un, o día que me dei conta que sentía algo máis ca unha simple amizade por el. Cando nos vimos saudámonos e falamos. Logo dun tempo falando díxenlle que colocase a fotocopia no lado esquerdo do peito. Entón abrinas. Abrín as portas do seu corazón.

                                                        Andrea Buyo Míguez, 1º B

O CADRADO BRANCO



Naquela aula so había un neno, un neno castigado e facendo copias.A súa letra era tan grande coma o pé dun dinosauro, polo que axiña se lle acabaron os folios. Foi por máis á secretaría, pasando por un longo corredor. Non había ninguén alí, estaba completamente baleiro. ``Estarán tomando o seu café do descanso´´, pensou. Colleu unhas follas que se encontraban enriba da fotocopiadora e volveu por onde fora. Eran cen folios, e despois de cinco minutos, xa gastara noventa e nove. Foi polo último, pero non lle valía, pois tiña un gran cadrado branco no centro. Pousouno na mesa e palpou o cadrado e... A súa man atravesara a mesa! Era incrible,con este obxecto aparentemente inofensivo, podía atravesar a materia! Nese intre, a cara do rapaz iluminouse. Sabía o que podía facer: gastar bromas aos profes co seu ``papel máxico´´. Primeiro pegou o folio á ventá, colleu unha botella de auga e baleirou o seu contido no cadrado. Caeulle xusto na cabeza dunha profesora! Riuse coma unha hiena, e a gargallada foi tal que se escoitou por todo o edificio, pero por sorte para el, polo eco, non distinguiron a voz. Despois dunha sucesión de bromas, pillárono inevitablemente. Na aula de convivencia tivo tempo para pensar, pensar a a xogada mestra: roubarlles as chaves das aulas aos mestres! Chamar a un cerralleiro para que abra todas esas portas, custa diñeiro e tempo. Por unha temporada non iría a clase.
Perfecto!
Todas as chaves se gardaban nun armario pechado con chave. Pegou o papel na porta e sacou todas a chaves que viu. Meteu a metade do seu corpo no armario para ver se quedaban algunhas, pero por un descoido... Meteuse dentro! O folio despegárase e quedou encerrado!
                                                                             Óscar Barreiro Doldán, 1º B
                                                             
                                                             

4/25/2013

COBAS,Amadeo: As pantasmas sodes do que non hai.




COBAS,Amadeo: As pantasmas sodes do que non hai.Santiago de Compostela,2007.Sotelo Blanco Edicións.


Gorecho Papa Gaio, un home que morreu á idade de cincuenta e pico anos,sobe ao ceo,pero un bo día dinlle que ten que marchar de alí para amosar que merece estar neste sitio,xa que cando estaba en vida, non fixera nada que determinara claramente que fose merecedor nin do ceo nin do inferno.
Deste xeito,e ben ao seu pesar, volve para terra convertido en pantasma e acompañado por unha pantasma feminina para controlalo e saber o que fai en cada momento...

O libro pareceume entretido.nunca lera un libro sobre pantasmas e sobre todo gustoume as expresións divertidas que emprega o autor.
 Sara Antelo Vázquez  2ºA Nº3

4/19/2013

O BURACO NEGRO



Estaba farto, aburrido, cansado de facer fotocopias naquela triste oficina. Aínda me quedaban catro horas nesa oficina para que neste Nadal a miña muller puidese ter aquel vestido que tanto quería  e  que os meus fillos puidesen xogar co que eles pediran.
De súpeto, saíu pola fotocopiadora un folio raso, estraño, era unha cousa incrible!, era negro!, tan negro como o petróleo. No medio da folla había un círculo negro, como non o necesitaba para nada pouseino enriba da máquina e seguín facendo copias. Cando acabei o café pouseino enriba do folio e…. caeu!, era maxia!. Seguín facendo copias pero non podía deixar de pensar naquel estraño acontecemento, así que pensei en todas as cousas que podería facer con el. Tiña fame, ruxíanme as tripas, entón, ocorréuseme que podería coller unha chocolatina da máquina e comela. E así o fixen, puxen un folio co buraco negro no cristal da máquina e metín o brazo polo burato e collina, despois comina.
Seguín pensando en todas as cousas que podería facer co meu burato negro. E ocorréuseme que podería roubar un banco e así xa non ter que seguir facendo horas extra. Saín daquela triste oficina e dirixinme cara ao banco. Cando cheguei ao banco estaba pechado porque xa era tarde. Deime de conta de que a porta estaba aberta pero, aparentemente alí non había ninguén. Entrei despois de pensalo dúas veces xa que sabía que iso estaba mal, pero negábame a seguir facendo horas extra. Así que entrei. Empecei a escoitar unhas voces, guieime ata o lugar de onde proviñan e intentei que non me visen pero non o conseguín e descubríronme. Eran uns ladróns, estaban a facer alí o mesmo que facía eu.Conteilles a verdade, tamén lles contei o do meu burato negro. Díxenlles que lles axudaba e entón trazamos un plan: eles metíanse dentro da caixa forte mentres eu quedaba fóra e así poderiamos acabar antes. Coloquei o burato negro na caixa forte con fixo e despois todos os ladróns metéronse dentro da caixa. Cando me estaban a dar o primeiro billete, que era verde como a herba, automaticamente e sen pensalo saquei o folio co burato negro e dirixinme cara aquela triste oficina a seguir facendo horas extra.

                                                                                                    Alicia García Calvo 1ºB

3/11/2013

O BURATO NEGRO

Baixo a etiqueta "ideas para escribir" van ir aparecendo no blogue algúns recursos visuais (vídeos, fotos, viñetas ...) que, sendo de interese por si propios, poidan tamén servirnos de inspiración á hora de crearmos os nosos textos literarios (relatos, microrrelatos, poesía ...).
 Animámosvos desde xa a que poñades en palabras esta inquietante curtametraxe. Ou mellor aínda, que vos inspiredes nela para creardes o voso propio "burato negro".

.

2/21/2013

A ESCRIBIR SEN MEDO!

Bases:
1.E isto que vén sendo?
Urco, a editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua galega convoca o: I Premio Urco de Relato Fantástico
2.E logo por que?
A mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria entre a mocidade, así como dar a coñecer a literatura de xénero fantástico.
3.A quen vai dirixido / quen pode participar / que teño que facer?
Poderá participar calquera alumno de secundaria dos centros públicos da Galiza, presentando como máximo un relato por cada categoría.
4.Como participo?
Fase 1: inspiración
Todos os grandes escritores en potencia teñen que se inspirar nos mestres da súa época e do pasado, daquela deberás ler, cando menos, un dos seguintes libros, que estarán encadrados en cadansúa categoría:
A praga escarlata, Jack London
Categoría «Horizontes escuros»
Nas montañas da loucura, H.P. Lovecraft
Categoría «Teño medo, mamá!»
O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños, 
Fernando M. Cimadevila
Categoría «Fantasías aventureiras»
O xogo de Ender, Orson Scott Card
Categoría «O distante e fantástico futuro»
Fase 2: a choiar!
Despois dunha conveniente dose de inspiración, toca sacar o mellor de cada un e escribir o noso conto fantástico.
Os relatos terán que estar escritos en lingua galega e ser orixinais e inéditos.
A extensión será de dez folios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño 12.
Os traballos escritos en Comic Sans serán directamente descartados sen ler :P
5.Onde e como os mando?
O enderezo para envialos é o seguinte:
Urco Editora / Rúa do Avío 11, baixo / 15705, Compostela, Galiza
Debes enviar 2 sobres separados, un co relato ou relatos (non os asines!!!) e outro cos datos persoais. Este procedemento serve para que o xurado lea os contos sen saber de quen son e así garantir que os premios se repartirán só en función da calidade. Ambos os dous sobres deben ter o mesmo tamaño e levar por fóra o título do conto ou contos, a categoría ou categorías a que se adscriben e o pseudónimo co que os asines.
Sobre 1: Conterá unha folla cos datos reais da autora ou autor (nome e apelidos, centro docente e datos de contacto, título do relato ou relatos e categoría ou categorías nas que participa).
Sobre 2: Aquí terás que meter a túa obra mestra, unha ou varias, segundo participes nunha categoría ou en máis.
6.E canto teño que bulir?
O prazo de recepción de orixinais finaliza o 26 de abril de 2013.
7.Como se escollen os gañadores?
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría.
O xurado estará formado por profesionais reputados do mundo da literatura e a cultura galegas.
8.E que gaño, se gaño?
O premio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
9.E cando sei se gañei?
A entrega de premios terá lugar a finais do mes de maio, en Compostela. Todos os participantes serán convidados ao acto.
A obra colectiva de gañadores e finalistas estará a disposición do público desde o mesmo día da entrega de premios.
10.A quen me dirixo se teño algunha dúbida?
Para calquera dúbida podes contactar connosco a través do correo electrónico davidcortizo@urcoeditora.com.
As dúbidas non resoltas ou calquera continxencia sobre estas bases serán resoltas pola organización e, no seu caso, polo xurado.
11.Que se vai facer cos orixinais?
Os participantes poderán pasar pola editora a recoller os seus orixinais até o 30 de Xuño, pasado ese tempo procederase á súa reciclaxe.
12.O feito de participar no concurso supón a aceptación das presentes bases.


1/25/2012

A merla de trapo de Antón Cortizos

CORTIZAS,  Antón:  A merla de trapo
 edición  nº 1, Ed. Xerais, Vigo 2001.
Este relato dividido en sete capitulos, cun narrador en 3º persoa, conta a historia dunha rapaza costureira que, un día mentres cosía no seu cuarto viu achegarse pola ventá un merlo. Pero non era un merlo calquera, senón un merlo de ferro. Ela,  para que non estivera só,  fixolle unha compañeira e os dous xuntos marcharon a non se sabe onde. A costureira quedou triste por non saber se volverían
Un día coñeceu un mozo ferreiro moi guapo e namorou del, pero………….. que pasará? Casará con el?  Volveran os merlos
   Recomendo este libro a calquera que queira pasar un tempo bo  lendo unha historia moi bonita e teña curiosidade por saber o impresionante final.É un texto moi bonito, pois conta unha historia de fadas pero sen fadas. Trata aspectos tan fermosos como é o amor, a amizade e soños.Este relato impresionoume pola xenerosidade e desinterese da costureira ao facer a merla e un dos fragmentos  que máis me gustou foi o seguinte:
              
                Paxariño da varanda,
                ti que sabes cantar ben,
                canta un chío de marmelada
                que eu che hei de cantar tamén.
                Canta, canta para min,
                merlo que estás na xanela,
                canta un suspiro de brisa
                que che hei de dar unhas cereixas.
Sara Vicos 1ºC