Amosando publicacións coa etiqueta terror. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta terror. Amosar todas as publicacións

3/05/2018

RELATO DE ALEX BALLESTER REGUEIRO (ESO - 1ºA)



   
A CASA DAS DESAPARICIÓNS

Recordo aquel verán cando nos mudamos á casa nova. Era enorme. Perdíame polos corredores. Tiña oito dormitorios, seis baños, dúas cociñas, un salón enorme e unha biblioteca. Os antigos propietarios deixaran todo, parece ser que desapareceran sen trazo. Os herdeiros vivían noutro país e decidiron vender a casa.
Unha mañá asollada decidín ir ata o xardín a dar un paseo. Era precioso e o cheiro que desprendían todas as clases de plantas que tiña encantábame, aínda que estaba un pouco descoidado. Tardei en chegar ata o fondo, alí había terra movida, pensei que serían cans ou outros animais que escarvarían por alí. Achegueime máis e notei que había uns ósos que sobresaían da terra. Non lle dei moita importancia.




Entroume a sede e decidín volver á casa para coller un refresco. Ao intentar abrir a porta, estaba pechada. Non entendín como podía ser se non a pechara. Timbrei ata cansarme pero a miña nai non me abriu. Entrei por unha fiestra que quedara aberta. Fun en busca da miña nai pero non a atopaba. En cambio o coche estaba no garaxe. Onde podía estar? De súpeto acendeuse a televisión, logo cambiábase soa. Que estaba a pasar? Fun ata a cociña a buscar o refresco e empezaron a traballar os electrodomésticos, a lavadora empezou a dar voltas, o forno acendeuse, a cafeteira empezou a botar café e a batidora empezou a saltar como unha tola.
Saín como un foguete co medo que tiña. Esperei un momento ata que collín forzas e volvín a entrar. Busquei o meu móbil e chamei ao meu pai ao traballo. Díxome que estivese tranquilo que era unha casa antiga e que igual era un tema eléctrico. Mandoume esperar á miña nai que igual saíra a dar un paseo.
Quedeime máis tranquilo e fun correndo ao meu dormitorio. Senteime á beira da fiestra e esperei…..e esperei. Pasaron as catro, as cinco, as seis e as sete e nada. De súpeto escoitei a porta abrir. Chamei pola miña nai e fun correndo pero non había ninguén. A porta pechou de golpe. Sería o vento? Entroume o medo de novo. Fun correndo ata o cuarto de baño que me quedaba máis cerca e encerreime. Mirei ao espello e había unha mensaxe: Axúdanos, queremos xustiza. Os nosos restos están no xardín. Isto non podía ir en serio. Entón os osos eran de humanos, debían ser dos anteriores propietarios que desapareceran.



Eu non era ningún Sherlock Holmes e non sabía por onde empezar para resolver isto. Tiña que haber un asasino e a miña nai faltaba. Esperaba que non fose demasiado tarde para rescatala. Decidín ir por toda a casa en busca dalgunha pista.
Empecei no ático pero non atopei nada. Cando cheguei á porta que ía ao soto, o meu corazón empezou a latexar máis rápido. Nunca baixara e non sabía que ía atopar. Baixei as escaleiras de madeira silenciosamente, había caixas por todas partes. Non me parecía demasiado grande para o tamaño que tiña a casa. Decidín mirar por detrás das caixas que estaban apiladas contra as paredes por se houbese algunha porta. Atopei unha pequena, pero estaba pechada. Non tiña a chave e non sabía dela, quixen tirala abaixo pero tiña pouca forza.
Pareceume ver un martelo tirado no chan cando apartara as caixas e busqueino. Pegueille á porta con el e conseguín abrila. Non o podía crer, a miña nai! Estaba atada a unha columna e coa boca tapada. Destapeilla para que  puidese falar. Canto se alegrou de verme e eu a ela! Contoume que os que nos venderan a casa non estaban no estranxeiro como se pensaba. Desfixéranse dos anteriores propietarios para quedarse coa súa fortuna. O problema é que a única fortuna que tiñan era a casa, non lles quedara diñeiro, así que fabricaron un plan para vender a casa e quedarse co diñeiro, logo, desfacerse dos novos propietarios para facerse coa casa de novo. Os novos propietarios….nós!
A miña nai apuroume porque ían volver máis tarde os asasinos cando chegara o meu  pai do traballo para rematar o seu plan. Chamamos á policía e ao meu pai para avisalo. Puxémoslles unha trampa. Os policías escondéronse no soto e meu pai así que chegou, mais eu escondémonos nun cuarto vixiando pola fiestra a que chegasen os asasinos. Así foi como os atrapamos! Aquela noite cando fun ao baño vin unha mensaxe nova no espello: Grazas, despedímonos para sempre!

5/20/2013

ESTA RAPAZA METE MEDO!

Lede este inquietante relato, terceiro xa que nos regala Andrea (e que non pare!). Lédeo ... se vos atrevedes.



A casa do bosque

Tódolos sábados ía á miña aldea. Estaba farta. Chegaba e quedaba aburrida, todo o santo día metida na casa. Decidín que iso non podía seguir así. Fun dar unha volta polos arredores. De súpeto cheguei ata  unha casa cerca do bosque que non recordaba vela alí nunca. Entroume a curiosidade e fun inspeccionala. Era unha casa vella e estaba en ruínas, pero atraíame moito. Entrei. No recibidor só había unha mesiña pequena e algo rota. Seguín camiñando polo corredor. Non había ningunha outra habitación, cousa que me estrañaba xa que a casa parecía máis grande dende fóra. Entón subín ata a planta de arriba. Estaba escuro, moi escuro. Inspeccionei o lugar. Había vellos obxectos e cachifallos inútiles, que non servían para nada. Vin unha luz moi tenue. Fun ata alí e encontreime cunha persoa encollida, tirada no chan. Quixen saber quen era e chameina. Levantou a cabeza e puiden ver que se trataba dunha persoa anciá, que tiña a cara chea de cicatrices. Asusteime e saín correndo. Sen darme conta adentreime no bosque. Estaba agotada e parei. Recapacitei e vin que me adentrara moito e que estaba perdida. Fíxose de noite e eu seguía perdida nese bosque. Estaba soa no medio da nada e iso empezaba a fastidiarme un pouco. Tiña frío e fame. Senteime no chan e escoitei o ouveo dun lobo. Agora si que estaba perdida! Que faría eu se me encontraba cos lobos? E se viñan a por min? Oín pasos, pero non eran pasos de animais, eran pasos de persoas. Pensei na señora da casa e dispúxenme a saír correndo cando caín nun burato e perdín o coñecemento. Cando espertei estaba atada no medio do bosque. Tiña varias feridas, sobre todo unha gran brecha na cabeza. Fixen unhas cantas manobras e conseguín desatarme, xa que non me ataran moi ben. Púxenme en marcha e atopei un pequeno río. Lavei as feridas e seguín co meu camiño. Estaba cansa e adormecín debaixo dunha árbore. Cando espertei o primeiro que vin foi a señora da casa que me miraba. Mantiña unha boa distancia con respecto a min. Levanteime e continuei camiñando, mais ela non me dixo nada. Só se dedicou a seguirme. Esa señora poñíame os pelos de punta. Cando comecei a divisar casas a anciá penetrou no bosque. Pareceume moi estraño, pero a miña casa estaba xa moi cerca e quería chegar axiña. Cando aparecín polo meu fogar contei todo o que me acontecera. Os meus pais e demais familia non estaban moi convencidos do que lles contaba e decidiron ir ver se existía tal casa e tal vella coa cara chea de feridas. Chegamos e non había nada. Desaparecera todo. No lugar onde estaba construída a casa tan só había un muro. Nese muro escribiran algo. Estaba escrito con sangue e poñía:
Irei por ti, xúrocho, vas morrer.

                                                       Andrea Buyo Míguez 1ºB Nº5

3/11/2013

O BURATO NEGRO

Baixo a etiqueta "ideas para escribir" van ir aparecendo no blogue algúns recursos visuais (vídeos, fotos, viñetas ...) que, sendo de interese por si propios, poidan tamén servirnos de inspiración á hora de crearmos os nosos textos literarios (relatos, microrrelatos, poesía ...).
 Animámosvos desde xa a que poñades en palabras esta inquietante curtametraxe. Ou mellor aínda, que vos inspiredes nela para creardes o voso propio "burato negro".

.

2/21/2013

Nas montañas da loucura, de H.P. Lovecraft


Nas montañas da loucura é, se callar, a obra máis madura de H.P. Lovecraft, unha novela que combina especialmente ben o elemento sobrenatural, de ficción científica, e unha constante tensión que vai en aumento páxina a páxina até chegar á catarse final. O tema da cidade perdida ou abandonada nun lugar recóndito da Terra xa non é novidoso na produción literaria do autor, e tampouco outros motivos recorrentes nos mitos de Cthulhu, mais a combinación de todos os elementos que compoñen esta novela fan dela un dos maiores fitos na historia da literatura de terror sobrenatural. A obra está en Urco Editora.

A ESCRIBIR SEN MEDO!

Bases:
1.E isto que vén sendo?
Urco, a editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua galega convoca o: I Premio Urco de Relato Fantástico
2.E logo por que?
A mellora da capacidade lectora e o fomento da creación literaria entre a mocidade, así como dar a coñecer a literatura de xénero fantástico.
3.A quen vai dirixido / quen pode participar / que teño que facer?
Poderá participar calquera alumno de secundaria dos centros públicos da Galiza, presentando como máximo un relato por cada categoría.
4.Como participo?
Fase 1: inspiración
Todos os grandes escritores en potencia teñen que se inspirar nos mestres da súa época e do pasado, daquela deberás ler, cando menos, un dos seguintes libros, que estarán encadrados en cadansúa categoría:
A praga escarlata, Jack London
Categoría «Horizontes escuros»
Nas montañas da loucura, H.P. Lovecraft
Categoría «Teño medo, mamá!»
O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños, 
Fernando M. Cimadevila
Categoría «Fantasías aventureiras»
O xogo de Ender, Orson Scott Card
Categoría «O distante e fantástico futuro»
Fase 2: a choiar!
Despois dunha conveniente dose de inspiración, toca sacar o mellor de cada un e escribir o noso conto fantástico.
Os relatos terán que estar escritos en lingua galega e ser orixinais e inéditos.
A extensión será de dez folios como máximo, tamaño DIN A4, por unha soa cara, a dobre espazo, xustificado e cunha fonte Garamond a tamaño 12.
Os traballos escritos en Comic Sans serán directamente descartados sen ler :P
5.Onde e como os mando?
O enderezo para envialos é o seguinte:
Urco Editora / Rúa do Avío 11, baixo / 15705, Compostela, Galiza
Debes enviar 2 sobres separados, un co relato ou relatos (non os asines!!!) e outro cos datos persoais. Este procedemento serve para que o xurado lea os contos sen saber de quen son e así garantir que os premios se repartirán só en función da calidade. Ambos os dous sobres deben ter o mesmo tamaño e levar por fóra o título do conto ou contos, a categoría ou categorías a que se adscriben e o pseudónimo co que os asines.
Sobre 1: Conterá unha folla cos datos reais da autora ou autor (nome e apelidos, centro docente e datos de contacto, título do relato ou relatos e categoría ou categorías nas que participa).
Sobre 2: Aquí terás que meter a túa obra mestra, unha ou varias, segundo participes nunha categoría ou en máis.
6.E canto teño que bulir?
O prazo de recepción de orixinais finaliza o 26 de abril de 2013.
7.Como se escollen os gañadores?
Urco Editora seleccionará, de entre todos os presentados, tres relatos por cada categoría para seren publicados nunha obra colectiva. Estes relatos serán os finalistas do concurso, de entre os cales un xurado elixirá os catro gañadores; un en cadansúa categoría.
O xurado estará formado por profesionais reputados do mundo da literatura e a cultura galegas.
8.E que gaño, se gaño?
O premio para os finalistas consistirá nun lote de libros e a publicación do seu conto nun volume colectivo. Os gañadores de cada categoría recibirán, alén do lote de libros e a publicación, un dispositivo e-reader cargado con varios títulos da editorial.
9.E cando sei se gañei?
A entrega de premios terá lugar a finais do mes de maio, en Compostela. Todos os participantes serán convidados ao acto.
A obra colectiva de gañadores e finalistas estará a disposición do público desde o mesmo día da entrega de premios.
10.A quen me dirixo se teño algunha dúbida?
Para calquera dúbida podes contactar connosco a través do correo electrónico davidcortizo@urcoeditora.com.
As dúbidas non resoltas ou calquera continxencia sobre estas bases serán resoltas pola organización e, no seu caso, polo xurado.
11.Que se vai facer cos orixinais?
Os participantes poderán pasar pola editora a recoller os seus orixinais até o 30 de Xuño, pasado ese tempo procederase á súa reciclaxe.
12.O feito de participar no concurso supón a aceptación das presentes bases.