5/13/2018

MICRORRELATO DE ALEX BALLESTER REGUEIRO, 1ºA


 Onde está?

Era tarde e aínda non chegara. Chameino por teléfono pero non respondía. Non o entendía. Sempre era tan puntual.
Quedara co meu amigo Martín para ir dar un paseo ás oito, pero xa eran preto das nove. Decidín ir ata a súa casa. Chamei á porta pero non abría ninguén. Decidín volver para a miña casa e polo camiño atopei o seu móbil tirado na cuneta. Resultoume moi raro. Saíra da súa casa. Onde podía estar? Mirei ao meu arredor e non había ninguén, nin nos bares que a esta hora sempre estaban cheos de xente. Por un momento pensei que me equivocara de día ou de hora.
Mirei para o ceo e vin unha luz moi grande verde que escintilaba. Pensei que igual estaba soñando, ou que toleara. Abrín e pechei os ollos varias veces a volvín  mirar, a luz afastábase. Onde ía a xente?




Imagen relacionada

3/05/2018

RELATO DE ALEX BALLESTER REGUEIRO (ESO - 1ºA)



   
A CASA DAS DESAPARICIÓNS

Recordo aquel verán cando nos mudamos á casa nova. Era enorme. Perdíame polos corredores. Tiña oito dormitorios, seis baños, dúas cociñas, un salón enorme e unha biblioteca. Os antigos propietarios deixaran todo, parece ser que desapareceran sen trazo. Os herdeiros vivían noutro país e decidiron vender a casa.
Unha mañá asollada decidín ir ata o xardín a dar un paseo. Era precioso e o cheiro que desprendían todas as clases de plantas que tiña encantábame, aínda que estaba un pouco descoidado. Tardei en chegar ata o fondo, alí había terra movida, pensei que serían cans ou outros animais que escarvarían por alí. Achegueime máis e notei que había uns ósos que sobresaían da terra. Non lle dei moita importancia.




Entroume a sede e decidín volver á casa para coller un refresco. Ao intentar abrir a porta, estaba pechada. Non entendín como podía ser se non a pechara. Timbrei ata cansarme pero a miña nai non me abriu. Entrei por unha fiestra que quedara aberta. Fun en busca da miña nai pero non a atopaba. En cambio o coche estaba no garaxe. Onde podía estar? De súpeto acendeuse a televisión, logo cambiábase soa. Que estaba a pasar? Fun ata a cociña a buscar o refresco e empezaron a traballar os electrodomésticos, a lavadora empezou a dar voltas, o forno acendeuse, a cafeteira empezou a botar café e a batidora empezou a saltar como unha tola.
Saín como un foguete co medo que tiña. Esperei un momento ata que collín forzas e volvín a entrar. Busquei o meu móbil e chamei ao meu pai ao traballo. Díxome que estivese tranquilo que era unha casa antiga e que igual era un tema eléctrico. Mandoume esperar á miña nai que igual saíra a dar un paseo.
Quedeime máis tranquilo e fun correndo ao meu dormitorio. Senteime á beira da fiestra e esperei…..e esperei. Pasaron as catro, as cinco, as seis e as sete e nada. De súpeto escoitei a porta abrir. Chamei pola miña nai e fun correndo pero non había ninguén. A porta pechou de golpe. Sería o vento? Entroume o medo de novo. Fun correndo ata o cuarto de baño que me quedaba máis cerca e encerreime. Mirei ao espello e había unha mensaxe: Axúdanos, queremos xustiza. Os nosos restos están no xardín. Isto non podía ir en serio. Entón os osos eran de humanos, debían ser dos anteriores propietarios que desapareceran.



Eu non era ningún Sherlock Holmes e non sabía por onde empezar para resolver isto. Tiña que haber un asasino e a miña nai faltaba. Esperaba que non fose demasiado tarde para rescatala. Decidín ir por toda a casa en busca dalgunha pista.
Empecei no ático pero non atopei nada. Cando cheguei á porta que ía ao soto, o meu corazón empezou a latexar máis rápido. Nunca baixara e non sabía que ía atopar. Baixei as escaleiras de madeira silenciosamente, había caixas por todas partes. Non me parecía demasiado grande para o tamaño que tiña a casa. Decidín mirar por detrás das caixas que estaban apiladas contra as paredes por se houbese algunha porta. Atopei unha pequena, pero estaba pechada. Non tiña a chave e non sabía dela, quixen tirala abaixo pero tiña pouca forza.
Pareceume ver un martelo tirado no chan cando apartara as caixas e busqueino. Pegueille á porta con el e conseguín abrila. Non o podía crer, a miña nai! Estaba atada a unha columna e coa boca tapada. Destapeilla para que  puidese falar. Canto se alegrou de verme e eu a ela! Contoume que os que nos venderan a casa non estaban no estranxeiro como se pensaba. Desfixéranse dos anteriores propietarios para quedarse coa súa fortuna. O problema é que a única fortuna que tiñan era a casa, non lles quedara diñeiro, así que fabricaron un plan para vender a casa e quedarse co diñeiro, logo, desfacerse dos novos propietarios para facerse coa casa de novo. Os novos propietarios….nós!
A miña nai apuroume porque ían volver máis tarde os asasinos cando chegara o meu  pai do traballo para rematar o seu plan. Chamamos á policía e ao meu pai para avisalo. Puxémoslles unha trampa. Os policías escondéronse no soto e meu pai así que chegou, mais eu escondémonos nun cuarto vixiando pola fiestra a que chegasen os asasinos. Así foi como os atrapamos! Aquela noite cando fun ao baño vin unha mensaxe nova no espello: Grazas, despedímonos para sempre!

3/16/2017

A HISTORIA DA LINGUA, PARA OS MÁIS NOVOS


<iframe src="//www.slideshare.net/slideshow/embed_code/key/H75C5wMkxL8wVH" width="668" height="714" frameborder="0" marginwidth="0" marginheight="0" scrolling="no" style="border:1px solid #CCC; border-width:1px; margin-bottom:5px; max-width: 100%;" allowfullscreen> </iframe> <div style="margin-bottom:5px"> <strong> <a href="//www.slideshare.net/aldeatotal/historia-da-lingua" title="Historia da lingua" target="_blank">Historia da lingua</a> </strong> from <strong><a target="_blank" href="//www.slideshare.net/aldeatotal">aldeatotal</a></strong> </div>

12/04/2016

45 Edición dos Premios Literarios MINERVA !!!

 


Xa está aquí a 45 Edición dos Premios Literarios MINERVA !!! Un certame anual, en lingua galega e modalidades POESÍA e NARRACIÓN, dirixido a alumnos de 3º y 4º de ESO e de Bacharelato, que cursen estudos en Galicia, e que non teñan cumpridos 20 anos o 31 de decembro de 2017.

MODALIDADES: Traballos orixinais e inéditos sempre. En poesía, conxunto de tres poemas, de tema e forma libres. En narración, máximo seis folios mecanografiados a dobre espazo e tema libre.

PRESENTACIÓN: Seis exemplares en papel e unha copia en soporte informático (Arial 12), con título e pseudónimo e sen o nome do autor. Nun sobre pechado introduciranse os datos personais do autor (nome, idade, enderezo, tlf particular, curso e Centro onde estudia, selados polo Seminario de Galego do mesmo). No exterior do sobre pechado únicamente figurará o pseudónimo ou lema e o título da obra. Traballos e plica enviaranse conxuntamente a "PREMIOS LITERARIOS MINERVA". Colexio M. Peleteiro. Monte Redondo- Castiñeiriño. 15702 SANTIAGO DE COMPOSTELA


PREMIOS: 3 en cada modalidade, de 600, 400 e 250 €, medalla de prata conemorativa e publicación das obras galardoadas nun libro editado polo Colexio M. Peleteiro. Se na opinión do Xurado a calidade das obras o amerite, poderán outorgarse accésits. Os premios poderán declararse desertos.XURADO: Serán escritores e profesores de Lingua ou Literatura de distintos centros de ensino de Galicia, e darase a coñecer con antiipación.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Ata o 31 de Xaneiro de 2017.

FALLO E ENTREGA DE PREMIOS: O fallo farase público o 4 de marzo, nos medios de comunicación e na nosa web. A entrega de premios terá lugar o 30 de marzo, nun acto literario no Colexio. Nel, os agasallados deberán ler, total ou parcialmente, a súa obra. Esta quedará en propiedade do Colexio organizador.

Xa sabes... Anímate a participar e difúndeo... !


"O MEU PLAN PARA CAMBIAR O MUNDO"


 

BASESOMEUPLANPARACAMBIAROMUNDO

11/03/2015

CONTOS PARA XOGAR

     
         Este libro é moi divertido e vale para moita xente, xa que ten varios contos
diferentes.
        O conto que máis me gustou foi o de que un neno pola noite
sempre antes de durmir escoitaba unha voz que pedía axuda e el sempre ía
a axudalo. O autor dábache tres finais: o primeiro era que poñía dous
tapóns e xa non escoitaba as voces, o segundo era que pasaba toda a vida
axudando e o terceiro era que non se oían máis voces xa que todos eran
felices e non precisaban axuda. 
       O libro ten contos de medo, de comedia ou os de aventuras ... tamén este libro ten unha cousa moi curiosa, e é que o autor dános tres finais diferentes e temos que elixir un, ao final do libro
aparece a escolla do Autor.
         Espero que me fagades caso e que o leades!

                                                                                                     

                                                                                                          Alba Dopico Golpe, 1º A

5/14/2015

Que dentro de cada aula burbulla a creatividade é algo do que cada vez estamos máis convencidos. Ímolo sabendo día a día.
Por se quedaba algunha dúbida aquí nos quedan algunhas mostras escapadas das aulas de 2º da ESO.

CHOVE

 Chove,
cando penso que hai máis dun planeta,
máis dun continente,
máis dun país,
máis dunha cidade
e estás aquí.

Chove
cando sei que, a pesar de todo,
estás nun lugar inalcanzable,
que para min os teus sentimentos 
son inexplorables.

Chove
cando vexo o teu sorriso
espertando os meus sentidos
           salvándome deste abismo
         que chaman amor.
                 E nos meus ollos segue chovendo.

ARREPENTIMENTO

Sentín a vida
como nunca antes.
Sentín a cabeza
voando, como cando o vento golpea area.
Sentín os químicos
queimándome cada vea
e agora, só sinto arrepentimento
nun corpo inmóbil
que xa chegou á meta da súa carreira,
que o seu lume xa se apagou.

SABRINA REYES 2ºD

Coma o brillo dunha estrela,
coma un raio de esperanza,
coma a chuvia tras a esquía,
coma un lóstrego
como ancla.

Así eu
a que voa sobre os muros,
a pomba branca que devolve
os dereitos perdidos
para espantar 
esa inxustiza
que divide
a todo o mundo
como unha infección
no corazón 
do universo.

CARMELA VÁZQUEZ 2ºD
(Modelo Carlos Negro Últimas tendencias)
Comeza o día. Nas rúas
divídanse multitudes de cidade.
No encontro das modas 
ocúltanse os cartos.
Compradores compulsivos
ricos e consentidos...
As bolsas enchidas
vomitan blusas, calzado...
Na porta dunha tenda
morre a dignidade.

LAURA PLACER 2ºC


Cicatriz antes de tatuar.
Tinta impregnada na súa alma,
tatuaxe no seu corazón,
punzadas nos seus pensamentos,
cores nos seus sentimentoS
alí
onde acaba o amor.

ANAHÍ SCHMIDT 2ºD


4/14/2015

Poetizando con Ioalanda Castaño: Abecedarios




Abecedario de azar amargurado,
Beixos de baldíos barolentos,
Campos cansos de cinza cega,
Chairas de chumbo chaguazoso,
Dor de debuxos desfigurados.
Esvaemento de esperanzas ebrias,
Fumes fuxidos de fogaxes fríxidas,
Gándaras de galaxias grises,
Hecatombe de herméticas herdanzas,
Idiomas de idades inaprensibles,
Lentura lene de lánguida laceira,
Mares de macias mágoas mancadas,
Nubes de núafraga nudez,
Outono de olladas orfas,
Poeira de pedra prateada,
Queixume de quietude queda,
Recendos raros de relentos rotos,
Saraiba de sorrisos secos,
Tempos temperáns de torpes tempos taponados,
Universo de utopías últimas,
Vales vacíos de vagos vapores vagabundos,
Xardíns xementes de xarope xélido.
Zodiacos de zume zugado que zozobra.
IOLANDA CASTAÑO: Elevar as pálpebras.


Do A ao Z.

Almagre de alourada alfaia.
Borrachos de betún nas beiras das botas
Carácter de caramelo cargado,
Chapuza de cheirentos chalecos.
Dentes de dragóns durmidos doadamente.
Esperanza da escamada estrema
Fame famosa de familia con fachenda.
Grandes guerreiros de granxas graxentas.
Herculina heroica con hepatite.
Inxenuo intrigante de inquedanza insoportable.
Larpeiros de lambetadas lonxevas.
Medo do mar morto
Noite de néboa no nicho.
Ostras onduladas nas ondas do océano.
Paradeiro precipitado de padecementos.
Queixo quente e quedo.
Raras rías rebordadas de redes.
Sábados de sabas saciadas.
Torrente turbulento de treboadas tranquilas.
Ultimátums de usureiros desde a ultratumba.
Vaga vinganza por vergoña vagorosa.
Zampón de zamburiñas con zorza.

Alumnas e alumnos de 2ºA


Acesos acivros de amorosa auga.
Brillantes e belas bolboretas.
Carabullos cravados en corazóns curvos.
Chuzos de chuvia que chapurrean no chan.
Dúbida denantes da derradeira dor.
Escuros espectros da eternidade efémera.
Feitos fortes de fumeiras fachendosas.
Galantes gaviláns da Galia.
Honorario de honrados humanos.
I
L
Meiga medoñenta de mares melancólicos.
Nación de namorado nome.
Outono orixinador de ourizos.
Penosas panxoliñas en primavera.
Quinquenio de querubín queimado.
Recordos risoños e rebeldes.
Salgados sentimentos de soidade silvestre.
Tolos todos por troulear.
Urbanización co único ukelele que ululea.
V
Xeadas nos xuncos e xeo nas xaras.
Zamburiña con zocos zurcidos.
Alumnas e alumnos de 2ºC

Amor de amorodos amargos
Borraxeira de branca bravura.
Ceas de cen custosos ceos.
Choiva de chocolate e chistosas chairas.
Desgustos de despispatodos dementes.
Estanques astancados nos espazos.
Feixe fugaz dos fachendosos fíos.
Galeguista gaiteiro galante.
Himno de hiperactivas hipérboles.
Imaxinación de illas imposibles.
Lírica lambida de límpidas laranxas.
Mágoa de magos macabros.
Nó de noces nítidas.
outro outono de ouro.
Persoas prezadas en pensamentos de pratas.
Queixume de querer que queima.
Rochas roxas de das rabiadas rapazas.
sábado de sabedoiro de sabedora sabedoría.
Tímidos tempos de tenrura temerosa.
Universo único usada ultimamente.
verdes verzas que varían en veados.
Xente xunta que xira xilófonos.
Zume que zumba nos zocos.
Alumnas e alumnas de 2º D


Poetizando Máñá da miña Rúa de Luís Pimentel.

Entrou a mañá no meu pobo
tan limpa, tan redonda e pura,
como unha mazá sobre un espello.
Hoxe a miña rúa está aberta.
Xogan os anxos nas cornixas das casas?
Ela foi a primeira que pasou
cos seus ledos cadrís:
dous cahos de luz combados
abalábanse sobre un negro tenro.
As xanelas, despertas,
ollábana caladas, ditosas...
(...)
Torbeliño brillante, veloz...
un neno en bicicleta.
A rúa remata lonxe,
coma se fose ao mar.
O neno pérdese.
LUÍS PIMENTEL:
Sombra do aire na herba.
Entrou a escuridade na igrexa
tan corrupta, tan informe e impura,
como unha sombra sobre un muro.
Hoxe a alma está pechada.
Tentan os demos nas xanelas das casas?
El foi o primeiro que o soubo
na súa mente fría:
dúas sombras misteriosas
fuxían sobre un cabalo de tebras.
As campás, silenciosas,
ollábano con desprezo.
Torbeliño escuro, lento...
un cántico na noite.
A carreira remata lonxe,
coma se fose o fin.
O cántico cesa.
Alumnos e alumnas de 2ºC
Entrou a néboa no escuro bosque
tan cega, tan espesa e húmida,
como un lóstrego no pensamento.
Agora os camiños están pechados.
Ululan os mouchos entre as criaturas da noite?
El foi o último que o escoitou
no caer da escuridade:
dous relocentes ollos
pousaron sobre el.
O fedor repulsivo
delatou o crime..
(...)
Morcego asustado,veloz...
lembranza póstuma.
O camiño parece eterno,
coma unha dor.
A néboa permanece.

Alumnos e alumnas de 2ºA

Entrou a cegueira na cidade
tan sucia, tan fría e contaminada,
coma un sol sendo eclipsado.
Hoxe o meu cárcere está inmóbil.
Danzan os voitres nas tumbas dos caídos?
Ela foi a única que chorou
pola esperanza perdida:
dúas pingas de amargura
mollaban a súa pálida pel.
As portas , pechadas,
deixábana soa,afastada...
(...)
Furacán sombrizo, devastador...
paisaxe desolada.
A vida remata nun pestanexo,
coma un suspiro.
A cidade desaparece.
ALUMNOS E ALUMNAS DE 2ºD





4/10/2015

VIII PREMIO DE POESÍA EDUARDO PONDAL

O I.E.S. de Ponteceso convoca o VIII PREMIO DE POESÍA “EDUARDO PONDAL”, segundo as seguintes BASES:

 1.- Poderán presentarse ao premio os alumnos dos IES públicos de toda Galicia, en calquera das dúas modalidades que se convocan: ESO e BACHARELATO. Non poderán presentarse nunha modalidad os gañadores dela no ano pasado.

 2.– Optarán ao premio os traballos orixinais e inéditos escritos en lingua galega que non foran premiados anteriormente en ningún outro concurso. O autor responde da autoría e orixinalidade da obra presentada ao Premio, así como de non ser copia nin modificación de obra allea.

 3.- Os traballos, consistentes nun só poema ou conxunto de poemas breves, terán unha extensión máxima de 75 versos. O tema, medida e rima serán libres.

4.- Os concursantes presentarán tres copias mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, ou a ordenador (letra Arial, tamaño 12) Estas copias levarán soamente título do poema e pseudónimo, sen firma. Acompañará ás copias un sobre pechado (plica), co título da obra e o pseudónimo do autor ou autora escrito no exterior, e no seu interior indicarase: - Nome, apelidos, dirección e teléfono do autor ou autora. - Título da obra presentada. - Centro e curso no que estuda o autor ou autora.

 5.- As obras entregaranse na Secretaría do centro ou remitiránse ao IES de Ponteceso, rúa Teresa Mosquera Manso s/n, 15110, Ponteceso (A Coruña), facendo constar no sobre: VIII PREMIO DE POESÍA "EDUARDO PONDAL". O prazo de admisión de orixinais rematará o 29 de maio de 2015, tendo en conta para tal efecto a data do mataselos nos envíos por correo.

6.- Establécese un premio de 100 euros (50€ en metálico e 50€ en tarxeta regalo) máis un agasallo literario para cada unha das dúas categorías en concurso: alumnos de ESO e alumnos de BACHARELATO

 7.- Os premios poderán ser declarados desertos, se así o estima o xurado.

8.- Os premios entregaránse durante os actos organizados para tal fin no IES de Ponteceso, de cuxas datas informaráse debidamente aos gañadores

 9.– As obras premiadas serán publicadas na revista do centro Mariantella.

 10.- Durante os 30 días seguintes conservaranse os orixinais enviados, que poderán ser recollidos en persoa. Transcorrido este prazo, os traballos non recollidos serán destruídos.

11.- A participación neste concurso implica a total aceptación das súas bases.

3/25/2015

UN CONTO DE ANDREA

SILKIPUL



Moi boas a todos. O meu nome é Andrea, e vouvos contar unha historia nunca xamais contada, escoitaredes historias parecidas, pero non esta.
A miña nai di que todos cando nacemos, nacemos cun duende, e non cunha estrela como adoitan dicir. Eu non sei se facerlle moito caso, porque a miña nai é moi imaxinativa, inventa cada unha …!
O caso é que sempre di que a miña irmá, que era unha nena moi rabuda, naceu cun duende, pero non é un duende calquera, este naceu o mesmo día que naceu ela, un luns chuvioso do 24 de febreiro.  Esta é a característica que diferencia este caso, porque a todos cando nacemos  asígnasenos un duende, pero o difícil e estraño é que o duende asignado naza o mesmo día, no mesmo momento. E este é o caso da miña irmá. Duende e persoa están ligados toda a súa vida, aínda que aos duendes cando a persoa morre asígnaselle a outra. Todos sabemos que eles viven moito máis ca nós.


O carácter de ambos vai sempre ligado, isto é, tal como é un, é o outro, así que podemos dicir, que tanto miña irmá coma o seu duende eran rabudos. Como os dous eran pequerrechos, os dous foron caprichosos, teimudos e pouco durmiñóns, enerxía e movemento en acción. De aquí que a miña nai, un día de desesperación por non poder durmir, porque miña irmá apenas durmía, non fora ser o demo que se perdese algo, contoulle a historia de que tiña un duende. Deulle de nome Silkipul. Xuroulle e perxuroulle que ela o vira unha noite na súa cuarto, porque como era novo tivo o despiste de deixarse ver por un humano, cousa que a un duende vello nunca lle pasa. Este duende como era pequerrecho coma ela necesitaba durmir, porque senón, non podía coidala adecuadamente. Porque todos sabemos que cando durmimos, os nosos duendes coídannos e preparan na noite, a través dos nosos soños, o día seguinte. Nós, polo día, preparamos coas nosas accións a noite dos nosos duendes. O que dicía a miña nai, que estamos ligados.
Miña irmá ao principio non quería nin pechar o ollo porque quería ver o seu duende, mais como este feito é imposible, xa que a persoa nunca ve o seu duende, miña nai contoulle que a única forma que tiña de velo e poder falar con el era a través dos soños, iso se tiña sorte, porque para isto hai que durmir coma unha marmota. Tales eran as ganas da miña irmá de ver o seu duende que empezou a practicar a arte de durmir. Non vaiades pensar que foi de súpeto, non, custoulle moito. E cando por fin aprendeu, un bo día ergueuse chea de ledicia porque  coñecera a Silkipul. Dixo que era pequerrecho coma un garavanzo, que tiña uns pantalóns verdes curtos, ía descalzo, tiña os ollos e as orellas grandes e estaba todo despeiteado, aínda que limpiño coma un sol, e que lle dixo: Querida miña, se segues así, ti mais eu, imos facer grandes cousas.
Polo momento a miña irmá só ten 18 anos e non é que fixese nada estupendo, pero como ten tan boas notas, miña nai di que é o camiño para poder facer grandes cousas, que só hai que darlle tempo.
Cando nos contou esta historia, da que a miña irmá nin se acordaba, eu pregunteille que cal era o meu duende, o que me contestou foi que o meu duende ao non ter nacido o mesmo día ca min, ela non o coñecía, pero que se prestaba atención aos meus soños pola noite, algún día, teríao que ver. Pero que de todas formas, quen ten a maior sorte é  miña irmá, porque naceu cun duende novo, ou o que adoitan dicir as vellas; con boa estrela. Pero non por iso eu nacín estrelada, aclaroume miña nai. Simplemente que teño  que pór máis esforzo no que fago.
A miña nai ten a teoría de que a nosa enerxía provén dos nosos duendes, se tes un novo, vivirás máis anos e terás máis enerxía que os que teñen duendes vellos, de aí que hai xente vella que teñen enerxía a rabiar e xente nova que parecen vellos.
Algún día, a miña nai dixo que nos contaría algunhas historias máis das trasnadas de Silkipul, pero mentres isto non suceda, non volas podo relatar.


 
Andrea López Sanmartín, ESO 1º B

3/24/2015

ANTONIO MANUEL FRAGA NO AGUIAR


  


Se estiveses, ben verías,
neste Francisco Aguiar,
cen rapaces afanados
toliños por preguntar

quen é ese Castañeiro
das palabras gorentosas,
das castañas en abril
e as historias máis fermosas;

de onde saíu ese Buto,
o zapateiro rosmón,
que inda tendo moi mal xenio
tenche moi bo corazón;

de onde ese neniño cego
tan afouto, tan valente,
que coa súa intelixencia
axudou a tanta xente;

e esas irmás Carabullo
malas e ruíns a rabiar
que dan gana de collelas
e poñelas a sachar;

e Matilde e Celidonio
e outros tantos personaxes
que nos contan unha historia
de ilusión e de coraxe,

dunha lúa que non cae,
dunha torta que namora ...
E despediron o autor
de mala gana xaora.








Eu falo galego.

Un físico alemán que fala a nosa lingua. Dentro de pouco teremos que buscar os nosos falantes fóra das nosas fronteiras.

3/17/2015

UN CONTO DE DELIA

U.M.A.


Na Rexión de Temalia había un robot xigante que suxeitaba toda a Rexión. Estaría mellor dito que Temalia estaba no robot. Os temalienses sempre querían un clima diferente cada mes, e o robot migraba con eles ata un sitio dese clima concreto. Foi chamado U.M.A (Unidade de Migración Automática). Sempre migraba con Temalia cun sorriso, aínda que os seus cidadáns non apreciaban moito o seu traballo, porque foi creado polo seu presidente: Matías Sebastián Braulio Carlos Tomás Xosé Salvador Vicente Miguel Eustaquio Núñez Fernández. Tiña dez nomes, e máis dun afogaba dicíndoo. Que fixo? Iso perdeuse con tempo, porque o condenado vivira máis de 720 anos grazas á derradeira pinga da Fonte da Xuventude. Quizás por iso odiábano, era a derradeira pinga!
Pero o pobriño robot U.M.A non tiña a culpa de nada. Ademais, facía o ben cos cidadáns, tampouco é que os matase! De feito, era unha gran vantaxe ter a U.M.A, ata que iso aconteceu…
                                 

U.M.A voaba ata as illas Canarias. Os cidadáns queixábanse de que non ía rápido, pero a U.M.A quentábaselle o motor polo esforzo, ata que… parou de funcionar.
Os temalienses berraban, berraban e berraban, pero U.M.A caeu en picado e afundiuse… Toda a poboación morreu, incluído o presidente, que non sabía que podía morrer por esas cousas. O robot tiña unha carcasa especial para non ter un corto-circuíto, e camiñou polo chan areoso do mar ata chegar a unha praia chea de xente, que o miraba sorprendido.
U.M.A lamentouse, incluso chorou por unha fuga de aceite nas cámaras dos seus ollos. O seu nariz, unha lámpada que se poñía vermella cando estaba feliz, parou de alumear.
Unha nena de dez anos acercouse e díxolle, sen síntomas de temor: Por que choras?
- Porque podería ter feito máis, e a sociedade xamais me perdoará por ser… un robot incompetentE -  dixo triste U.M.A.
A nena abrazou o pé da Unidade, que era enorme, pois suxeitaba unha cidade, non ía  ser do tamaño dun escaravello.
- Como te chamas? -  preguntou a nena. O robot estaba abraiado, un humano comportándose amigablemente cunha Unidade de Migración Automática. O robot díxolle “U.M.A”.
- Gústame. Que cres que podes facer para arranxar os teus problemas?
A U.M.A movéronselle os engrenaxes da cabeza. Literalmente. Como responder a esa pregunta?
- Intentando realizar outra función diferente, para deixar de lembrarme do sucedido -  respondeu finalmente.
A nena intentou que o robot fose futbolista, pero non había pelotas o suficientemente grandes para el. Intentou que fose corredor olímpico, pero tampouco había pistas para o seu tamaño. Astronauta… Ben, el podía viaxar ata o infinito. O problema era o motor. O robot fixo que un experto o arranxase, e conseguiuno. A N.A.S.A contratouno, e as súas ordes eran simples: traer fotografías do anel de Saturno. U.M.A partiu. A nena desexou que todo lle fose ben alí onde ela descoñecía.
Pero o desastre veu á illa onde estaba a nena… Un tsunami ía a romper nas súas costas.
A N.A.S.A sabía como facer para evitar un desastre, a solución era o robot, tan amigo da nena. Inevitablemente, a onda arrasaría a illa, pero os cidadáns poderían subir a tempo aos ombros de U.M.A. Chamárono cun sinal, e pronto a sombra do xigante escurecía a cidade. Chegou a terra lentamente para non producir un terremoto.  Polos seus brazos mecánicos, a xente subía a el e quedábanse nos edificios que non foran destruídos polo accidente de Temalia. Cando a onda xigante estaba a punto de chocar coa cidade, U.M.A contou as persoas para saber se faltaba alguén, e era a nena. A moza que quería axudalo! Pero era tarde, se ía  buscala, o tsunami afundiríao co resto dos cidadáns.
Así, o robot decidiu irse de alí.
                                    *  *  *
Os cidadáns baixaron de U.M.A e quedaron nun país con forma de bota, Italia.  O robot sentíase mal. Era en parte a súa culpa o probable falecemento da nena. Chorou aceite.
Cando ía a limpar os restos do aceite, notou algo sólido na súa lámpada que inmediatamente luciu vermella. A nena! Era ela, cun sorriso enorme na cara.
Ela explicoulle que cando pensaba que non a encontraba, meteuse dentro do seu CPU, xusto a tempo, xa que se distraeu cos seus xoguetes.
Así, U.M.A, o robot migrador, e a nena, cuxo nome era Xulia, empezaron unha amizade que xamais sería esquecida.
                                 *  *  *
Os anos pasaron. Xulia morreu de vella. O robot tiña xa bastantes anos, pero seguía a funcionar. O presidente de Italia mandoulle albergar as especies protexidas nos seus ombros. Pandas, leopardos de neve, linces, tigres, tartarugas, baleas e outros animais en perigo viviron nel. U.M.A viviu moito tempo con eles, ata que o seu corpo parou de moverse: xa era vello, tiña que pasar. Os técnicos intentaron que seguise funcionando, pero non conseguiron nada.

A lámpada parou de alumear.


                                                                    Delia Vázquez González, ESO 1º C