1/29/2014

Os nomes da chuvia

                                                                 
 Unha soa palabra, chuvia, non chegaría para poder contar o que pasa estes días. A ligua propia é a que mellor interpreta a realidade circundante. Non é, pois, de estrañar toda esta riqueza léxica.


Condensación de Auga:
- Borraxeira, Borraxoia, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Néboa, Neboeiro, Nebra, Zarrazina…
Chuvia Feble:
- Babuña, Babuxa, Barbaña, Barbuza, Barrallo, Barrufa, Barruñeira, Barruzo, Borralla, Breca, Chuvisca, Chuviscada, Chuviñada, Froallo, Lapiñeira, Marmaña, Orballo, Parruma, Parrumada, Patiñeira, Patumeira, Poalla, Poallada, Poalleira, Poallo, Zarzallo…
Chuvia Forte:
- Arroiada, Ballón, Basto, Bátega, Bategada, Cebra, Cebrina, Chaparrada, Chuvascada, Chuvasco, Chuvieira, Cifra, Ciobra, Dioivo, Treixada, Xistra, Zarracina…
Con raios e tronos:
- Treboada, Torboada, Torbón, Trebón…
Con Neve e Xeo:
- Auganeve, Cebrina, Cebrisca, Escarabana, Nevada, Nevarada, Nevareira, Nevarío, Nevisca, Nevarisca, Pedrazo, Salabreada, Sarabiada, Torba…
E logo, cando remata, está a:

- Amizar, Delampar, Escambrar, Escampar, Estear, Estiñar, Estrelampar…

Convocado o XLVI Concurso Literário de Contos de nenos para nenos da A. C. O Facho

1. Poderám participar rapazes e raparigas que pressentem as suas obras em Língua galega. Os trabalhos presenteados deveram ser originais e inéditos em toda a sua extensom.
2. O prazo de admissom de originais finaliza o dia 31 de Março de 2014 às doce da noite.
3. A apresentaçom de originais para o Concurso fará-se por correio postal dirigido à sede da Associaçom Cultural O FACHO. R/ Frederico Tápia, 12-1º 15005. A Corunha. Podendo fazer individualmente ou por médio do centro onde curse os seus estudos.
4. No caso em que sejam os centros escolares os que pressentem os originais ao Concurso, deveram fazer umha pré-selecçom dum máximo de dous trabalhos por categoria, qualquer outro terá que ser apresentado individualmente.
5. As obras haverem de serem relatos originais e nom estarem editados por nengum procedimento impresso ou electrónico, nem terem sido premiados em qualquer outro concurso ou certame literário e em condiçons para que os seus direitos de publicaçom podam ser cedidos à Associaçom Cultural O FACHO por período de cinco anos contados a partir do dia do falho do júri.
6. Para além da originalidade literária, o júri valorizará a riqueza lingüística e o conhecimento gramatical reflectido nas obras.
7. Estabelecem-se duas categorias:
- Categoria A. Nenos e nenas de 6 a 12 anos.
- Categoria B. Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos.
8. As quantias dos prémios serám as que seguem:
- Categoria A.
* 1º: 100.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
- Categoria B.
* 1º: 100.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
* 2º: 100.- € em efectivo e um lote de livros doados pola Editorial Galáxia.
9. Cada autor só poderá apresentar umha obra atendo-se aos seguintes limites de extensom:
- Categoria A. Um máximo de cinco fólios.
- Categoria B. Um máximo de dez fólios.
10. As obras haverám de se apresentar por duplicado, manuscritas ou mecanográficas, encadernadas ou grampadas e levaram por detrás do último folio os seguintes dados:
- Nome e apelidos do autor/a.
- Endereço e telefone. Correio electrónico.
- Centro onde cursa os seus estudos.
- Categoria na que participa.
11. Os prémios serám escolhidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O Facho em falho que se fará público no mês de Maio.
12. O júri poderá declarar deserto um ou vários dos prémios do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas na sua interpretaçom.
13. A participaçom neste Concurso implica a aceitaçom das presentes bases.
Correo electrónico: o_facho_a_cultural@yahoo.com.br
A Corunha, 31 de Janeiro 2014

1/26/2014

Chove, chove e chove...



É inevitable, temos que falar da chuvia,  porque mira que chove...En todos os lugares, a todas horas, con quen sexa... sae o tema...porque mira que chove...

Si, xa sabedes que temos moito léxico chuviñento, pero nesta necesidade sociolóxica de comentar este fenómeno meteorolóxico  pode pasar que non atopemos a palabra axeitada, esaa que nos di como foi a chuvia ese día. E é neste contexto de melancolía chuviñenta que nos  chega unha entrada do blogue de Román Landín que fala, como non, da chuvia. Por que mira que chove...
Clicade aquí, non vaia ser que quededes sen palabras.

11/26/2013

Día contra a violencia de xénero.


-  FIÑO...
- Chsssssss.
- Fiño...
-Chisss, cala, Lucía...
- Por que estamos calados?
- Por que estamos xogando.
- Por iso estamos debaixo da cama?
- Si, cala. estamos xogando ás agachadas.
- Pero, se estamos os dous debaixo da cama, quen  nos busca?
- Ummmmmmm... Mamá.
- Fiño.
- Que.
- É que mamá leva un cacho chorando e berrando na cociña.
- E que?
- Que non nos está buscando.
- Lucía, cala.
- Fiño, non me apertes, vasme mancar.
- Cala.
- ...
- Xa está, xa podes falar.
- Es parvo, fixéchesme dano.
- Era para que calaras cando entraron os zapatos.
- Pero non eran os de mamá!
- Por iso.
- Eran os zapatos de papá!
- Por iso mesmo.
- Pero el non está xogando ás agachadas!
- Xa o sei, Lucía, pero cando el entra hai que calar.
- Fiño.
- Que-
- E cando podemos saír de debaixo da cama?
- Cando se escoite o ruído da porta e veña mamá a buscarnos.
- Pero se mamá sabe onde estamos, non vale!
- Si que vale.
- Non, non vale porque ela non quere xogar ás agachadas!
- Ah, si, e ti como o sabes?
- Porque ela quere xogar aos pallasos! Non ves que sempre vén coa cara pintada de pallaso!
- Estate quietiña, Lucía, por favor.
- Eu non quero esstar máis debaixo da cama. Este xogo non me gusta.
- Vale, xa te oín, pero agora estate quieta. Cando se escoite o ruído da porta saímos.
- Estou enfadada, non me gusta.
- Veña, mañá xogamos a outra cousa.
- Si, Fiño? E a que? E a que?
- A ser invisibles.
- E como se xoga a iso.
- Xa o verás.
- E mamá vai xogar tamén?
- Tamén.
- E papá?
- Papá terá que encontrarnos, pero como seremos invisibles, seralle difícil. O importante é que non nos descubra, vale?
- Vaaaaale, podemos saír de debaixo da cama xa?
- ...
- Fiño.
- Que.
- Fixen pis.

ANEIROS, Rosa: Ás de bolboreta. Ed. xerais. Col. Fóra de xogo. (Pp. 187-189)





-

11/24/2013

NARRADORES DE PRIMEIRA/O

Témol@s, e moitos. Parabéns a Diego por ser o primeiro en lanzarse con esta historia tan ben escrita.




A excursión nocturna
O día 23 de maio o colexio tiña preparada unha saída ao monte e recordo que eu me atopara mal e non puidera ir.
Levaba semanas agardando, mercara calzado novo e unha gran mochila. Decepcioneime moito cando, pola mañá, miña nai viume mala cara e mediume a temperatura, tiña 38 graos. Quedei na casa moi triste.
Xa pola noite, meus pais saíron pasear e aproveitei que non estaban para ir ao monte, aínda que fose só. Puxen a roupa que comprara e marchei en bicicleta, ocultándome cada vez que alguén pasaba ao meu carón. Cando cheguei ao monte, primeiro achegueime ao río para refrescarme, pois fixera un gran esforzo, e ademais tiña febre. A pesar de todo estaba contento pero, de súpeto, comezou a tronar e, do susto caín ao chan. Entón, a bicicleta envorcou e foi parar ao río. Ademais, pareceume sentir o ouveo dun lobo. A partir dese intre, calquera son me espantaba, e comecei a crer que fora mellor quedar na casa. Decidín poñerme en camiño para volver, o malo era que o mapa e o compás que levaba comigo caeran ao río xunto coa bicicleta. Nese momento lembrei as leccións de orientación do profesor de Ciencias Sociais e busquei a estrela Polar, pero había demasiadas nubes e non a atopei. Pensei que a mellor opción sería esperar a que saíse o sol e orientarme mediante as sombras que produce. Iso sí, primeiro debía atopar un lugar onde refuxiarme. Calculo que tardei unha hora aproximadamente, non o sei con certeza porque non levaba reloxo. Pero por fin o conseguira, atopara unha cova que me causaba bastante medo, porque non tiña idea do que podería haber dentro, pero tiña frío e permanecín nela, aínda que non puiden conciliar o sono. Cando amenceu, por fin conseguín saber cara a onde ir, e así volvín á casa.
E resultou que a viaxe saírame cara. Castigáranme un mes sen saír, rompera a roupa nova, perdera o compás e a bicicleta e, por riba, subírame a febre. Iso si, fora ao monte.

                                                                                          Diego Teijo Barral , 1º D

11/18/2013

A música en A banda sen futuro.






A Carlota gústalle a música, axúdalle a levar mellor os malos momentos polos que está pasando. Óscar Iglesias, profesor de música do IES Viós e integrante do club de lectura Os Viós-bardos do mesmo centro, elaborou o seguinte vídeo cando o club leu esta obra; nel  recolle esa música que lle gusta a Carlota, achegando  unha información moi interesante.  O vídeo quedoulle tan ben que a propia Marilar o felicitou. Agora Óscar cédenolo, para que tamén nós poidamos desfrutar del. Grazas, Óscar, de parte dos rapaces e rapazas  de 2º da ESO do IES Francisco Aguiar.

11/13/2013

Publicidade en 2ºD

Os publicistas de 2ºD, despois de espremeren os miolos un tempo, crearon os anuncios que vedes na seguinte presentación. Como podedes observar, o obxectivo era publicitar o uso do galego entre os rapaces e rapazas do instituto.Todo un reto. Agora queremos escoller o mellor, pero non nos resulta fácil, por iso pedimos a vosa colaboración: cal vos gusta máis? Cal cumpre mellor co obxectivo? Axudádenos cos VOSOS COMENTARIOS. Para participar tedes que identificarvos e xustificar a vosa elección. Á volta de Nadal daremos por vencedor o anuncio máis comentado.


11/11/2013

A banda sen futuro de Marilar Aleixandre.




Presentámosvos  a Poch, o personaxe con quen reflexiona Carlota, a protagonista de A banda sen futuro. Carlota está pasando un mal momento e parécelle que o mundo está contra ela, os primeiros seus pais, que a obrigan a ir ao instituto e coa cabeza rapada. Podedes imaxinar maior traxedia? Realmente é coma se pertencera a unha banda sen futuro. Poch razonará con Carlota e axudaralle a poñer as cousas no seu sitio
OA banda sen futuro é tamén o nome do primeiro grupo musical de  Ignacio Gasca, Poch, que despois de pasar por Pegamoides e Ejecutivos agresivos e de colaborar con Pedro Almodóvar en Laberinto de pasiones, formaría Derribos Arias, o grupo co que acadaría os seus mellores éxitos nos anos oitenta, dentro da música pop española.
 Se clicades neste enlace da Editorial Xerais obteredes información sobre a novela que quizais vos facilite a súa lectura.

10/24/2013

Dúas galego-falantes do Bierzo

Alba e Henar son bercianas, e falan galego. Como é iso? Ah! Non o sabiades? O leste da provincia de León é territorio galego-falente, aínda que a súa realidade lingüística non estea recoñecida no seu Estatuto de Autonomía. Estas dúas mozas desmóstrannos a vixencia do galego na súa terra. A que o falan moi ben?

10/09/2013

CIENCIA QUE CONTA, CONCURSO DE RELATOS

BASES DO CONCURSO

Ciencia Que Conta é un concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia. En xeral trátase de relatar poñendo en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar dunha sociedade –nomeadamente a galega- e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos.
1. Participantes.
A convocatoria vai dirixida ao alunado de Educación Primaria, Institutos de Educación Secundaria e público en xeral. A participación neste concurso supón a aceptación de todas as súas bases. As obras serán de autoría individual ou cun máximo de dous autores, tendo en todo caso un único premio ao relato.
2. Presentación dos traballos.
Os traballos presentados deben ser orixinais, inéditos e escritos en língua galega. A extensión máxima será de 1000 palabras (aproximadamente tres follas DIN A4). Os traballos enviaranse exclusivamente ao seguinte enderezo:
http://www.cienciaqueconta.com/participa
Indicaranse os datos persoais do autor ou autora (nome e apelidos, data de nacemento, enderezo, teléfono e estudos que cursa) e do seu centro de ensino (nome, enderezo e teléfono), de ser o caso. Nun arquivo adxunto irá o relato, encabezado polo título e o pseudónimo, sen datos persoais. Desde a organización enviarase de volta un correo electrónico confirmando a recepción do relato.
Para calquera aclaración poden dirixirse a contacto@cienciaqueconta.com
3. Prazos.
O prazo de recepción dos traballos remata o 16 de novembro de 2013. As resolucións do Xurado publicaranse na web http://www.cienciaqueconta.com/
Comunicarase por correo electrónico aos gañadores ou a través do seu centro de ensino.
A entrega de premios farase nun acto público.
4. Categorías.
a) Alumnado de Educación Primaria.
b) Alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
c) Alumnado de Bacharelato e Ciclos de FP.
d) Público en xeral.
5. Tema dos traballos.
Non pretenden ser relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia nin meras descricións. Procúrase que –en función da idade-se desenvolva un relato curto ou conto a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple. Valorarase sobre todo a calidade do traballo e o acerto no contido científico.Os temas a desenvolver nos relatos poderían ter como punto de partida:
  • Historias de Ciencia: como se inventou algo, como se solucionou algún problema que había na sociedade utilizando a ciencia, un descubrimento, etc.
  • Traballo no laboratorio ou científico: cousas que pasan nun laboratorio, no traballo dun científico ou científica, nas exploracións da natureza, etc.
  • Experiencias: ficcións arredor de experiencias simples (ou caseiras), observacións da nosa vida cotiá (na rúa, na cociña, na praia, na festa, nas atraccións de feira, etc.).
  • Científicos e científicas: baseado en algún persoeiro científico, algún detalle da súa vida, algunha anécdota, como fixo algún descubrimento, como se lle ocurriu ou elaborou algunha teoría ou lei. Non debe ser unha mera descrición da súa vida. Valoraranse relatos que inclúan mulleres como protagonistas ou arredor de historias de mulleres.
  • Na web: http://www.cienciaqueconta.com pódense ler as publicacións resultantes dos concursos anteriores.
6.  Comité Organizador e Xurado.
O Comité Organizador está formado polos membros do Grupo DIVULGATIA, da Universidade de Vigo.
O Xurado, nomeado polo Comité Organizador, estará formado por persoas relevantes no campo da divulgación científica, o xornalismo, a literatura ou o ensino das ciencias. As resolucións do Xurado serán inapelábeis.
A presentación das candidaturas supón a conformidade dos participantes coas bases. Calquera cuestión non recollida nelas será resolta a discreción da organización. Os participantes comprométense a xustificar a veracidade dos datos que faciliten sobre as candidaturas presentadas.
7. Premios.
Para cada categoría haberá tres premios:
Primeiro Premio:
Diploma acreditativo.
Tablet.
Segundo Premio:
Diploma acreditativo.
Lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia adaptados á sua idade.
Terceiro Premio:
Diploma acreditativo.
Lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia adaptados á sua idade.
Nas categorías de Educación Primaria e Secundaria poderá haber ademais dous accésits. Os premios poderán declararse desertos.
Os premiados menores de idade deberán acudir a recoller o premio acompañados do seu pai, nai ou titor legal ou cunha autorización expresa destes.
A organización declina cualquer responsabilidade sobre conflitos de propiedade ou cesións de dereitos relativos as candidaturas.
8.  Reprodución das obras. Dereitos de imaxe.
As obras seleccionadas serán publicadas na web: http://www.cienciaqueconta.com a partir do 3 de decembro de 2013. Logo da resolución do concurso, como en edicións anteriores, publicarase un libro cunha selección dos mellores relatos presentados ao concurso.
De conformidade co previsto na Lei de Propiedade Intelectual, todos os participantes cederán os dereitos en exclusiva de reprodución e difusión das obras presentadas sen necesidade de permiso expreso e sempre que se identifique o nome do autor ou autora. O Comité Organizador poderá publicar as obras presentadas co único requisito de facer referencia á autoría e resérvase o dereito de exposición e distribución dos traballos presentados.
Os autores ceden aos organizadores de xeito exclusivo e coa facultade de cesión a terceiros, os dereitos patrimoniais de explotación das obras obxecto do presente concurso. O Comité Organizador comprométese a exercitar os dereitos de explotación conforme aos bos usos e con rigoroso respecto aos dereitos morais do autor ou autora.
Os participantes conceden ao Comité Organizador o dereito a gravar e utilizar a súa imaxe e voz en actos derivados do presente concurso.
9. Aclaracións sobre estas bases.
Calquera aclaración, puntualización ou rectificación destas bases farase pública na web:
Protección de datos
Os datos persoais dos participantes no Concurso, os dos seus profesores e os dos pais ou titores legais que autorizan a súa participación serán incluídos nos ficheros que a Fundación Barrié ten debidamente inscritos na Axencia de Protección de Datos e que cumpren todos os requisitos da Lei Orgánica 15/1999 e do Real Decreto 1720/2007 que a desenvolve. Todos os datos solicitados aos participantes e aos seus profesores son necesarios para a súa inclusión no concurso e serán destinados á xestión e organización do mesmo. O nome e a imaxe dos concursantes e dos seus profesores, así como o nome dos centros aos que pertencen, poderán ser obxecto de comunicación pública nas actuacións presentes ou futuras que poida levar a cabo a Fundación Barrié sempre que ditacomunicación pública estea relacionada coa súa participación no concurso. Quedan recoñecidos, no entanto, os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, que poderán ser exercidos, previa acreditación da personalidade ou da representación, na dirección de Cantón Grande, 9 – 15003 (A Coruña).

10/02/2013

MENOS É MÁIS (máis ou menos)

Velaí vai un mangado de minilarpeiradiñas para todos nós lermos e falarmos; e só para ti, si para ti que che rila por dentro unha couza que non sabes acalmar, talvez algunhas ideas para escribir ...

9/26/2013

Saber popular.


A fraseoloxía  dunha lingua é unha fonte de coñecemento moi importante, tanto polo seu valor lingüístico ( capacidade de síntese,  connotación e suxestión, recursos expresivos...) como pola sabedoría popular que encerra.
Nesta canción, Sés móstranos un amplo exemplo de refráns, frases feitas, expresións... Escoitemos atentamente e tentemos identificalos e, de seguido, interpretar o seu significado (ollo, diferénciaos dos tópicos e lugares comúns que tamén aparecen no texto).
No enlace irás a unha entrevista que lle realizaron en Pontevedraviva.com que che permitirá coñecer un pouco mellor esta artista. Nela fai declaracións tan interesantes como:

"Fago música en galego, porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo"


ou

"O galego lonxe de ser un hándicap na miña carreira, é todo o contrario. É o que me impulsou e o que me mantén"

"Eu sempre lle digo a todo o mundo que son muller e galega, que non teño a culpa. Simplemente tiven sorte"

ACTIVIDADES:
  1. Actividades de léxico:
    • Identifica no texto as frases feitas e  refráns. Indica o seu significado.
    • Fai unha listaxe diferente cos tópicos ou lugares comúns que tamén aparecen expresados na canción.
  2. Actividades de comprensión.Le a entrevista que lle fixeron a Sés no xornal Pontevedraviva.com e responde as seguintes preguntas:
  • Cando comezou o éxito de Sés?
  • Que tipo de música fai?
  • Que opina do feito de empregar o galego para a súa música.
  • Que plans declara ter con respecto á música?
  1. Actividades de investigación:
  • Quen é Santiago Auserón. Dinos unha canción del que coñezas. Tradúcea ao galego.
  • Busca información sobre “Cantos na Maré”.
  • Busca información sobre Sés na Galipedia e fai un resumo da súa biografía e da súa traxectoria artística.
 E para que a tarefa vos resulte máis fácil, aquí tedes a letra.


Parece que isto está moi morto
que non habita en min ninguén

que me mirou de lado un torto

que superei os límites

que mañá non o hei ver distinto

nin direi outra vez será
que nin che importa nin che minto
e se me mintes éme igual.
Unha vez quixen sen motivos
Sen a menor das condicións
Coa independencia dos esquivos
e a lealdade das lexións
supediteime e soltei lastre
e vinme a cen metros de min
e superei aquel desastre
pero ante todo comprendín.
Que eu nin podo nin quero nin debo

volverme fiar

Da cultura da media verdade, da estafa

legal.
Que eu xa corto e deserto e me aparto de

toda moral

que aprendín moito máis cuestionando o

saber popular.


E xa virán tempos mellores

Que non choviu sen escampar

E só tes risas se tes dores









E non hai loita que librar
Que sempre houbo ricos e pobres

E as pulgas a can fraco van

Que a moito ruído, poucas noces
E hai que gardar sempre das risas
Que non se mama sen chorar

Que non se pode estar na misa

E ir para fóra repicar

Que o tolo vai onde van todos

Vicente vai no pack tamén
E sempre andamos un por outro
E a puta casa sen varrer.


Que as nenas xogan con bonecas

E os rapaciños con balón

E a min sacábamas da caixa

O meu veciño Juan Ramón

Que o ateísmo é satanismo
Porque algo máis terá que haber
E viva o individualismo
e o santo cu de cada quen.
Que os homes son coma o bo viño
Que sempre tende a ir a mellor
E eu coñezo algún pobriño
Que xa onde vai que se picou.
E que se os extremos son malos
E as medias tintas son xeniais
E eu co xenio destrozado
E eles a destrozarmo máis.