3/17/2015

UN CONTO DE DELIA

U.M.A.


Na Rexión de Temalia había un robot xigante que suxeitaba toda a Rexión. Estaría mellor dito que Temalia estaba no robot. Os temalienses sempre querían un clima diferente cada mes, e o robot migraba con eles ata un sitio dese clima concreto. Foi chamado U.M.A (Unidade de Migración Automática). Sempre migraba con Temalia cun sorriso, aínda que os seus cidadáns non apreciaban moito o seu traballo, porque foi creado polo seu presidente: Matías Sebastián Braulio Carlos Tomás Xosé Salvador Vicente Miguel Eustaquio Núñez Fernández. Tiña dez nomes, e máis dun afogaba dicíndoo. Que fixo? Iso perdeuse con tempo, porque o condenado vivira máis de 720 anos grazas á derradeira pinga da Fonte da Xuventude. Quizás por iso odiábano, era a derradeira pinga!
Pero o pobriño robot U.M.A non tiña a culpa de nada. Ademais, facía o ben cos cidadáns, tampouco é que os matase! De feito, era unha gran vantaxe ter a U.M.A, ata que iso aconteceu…
                                 

U.M.A voaba ata as illas Canarias. Os cidadáns queixábanse de que non ía rápido, pero a U.M.A quentábaselle o motor polo esforzo, ata que… parou de funcionar.
Os temalienses berraban, berraban e berraban, pero U.M.A caeu en picado e afundiuse… Toda a poboación morreu, incluído o presidente, que non sabía que podía morrer por esas cousas. O robot tiña unha carcasa especial para non ter un corto-circuíto, e camiñou polo chan areoso do mar ata chegar a unha praia chea de xente, que o miraba sorprendido.
U.M.A lamentouse, incluso chorou por unha fuga de aceite nas cámaras dos seus ollos. O seu nariz, unha lámpada que se poñía vermella cando estaba feliz, parou de alumear.
Unha nena de dez anos acercouse e díxolle, sen síntomas de temor: Por que choras?
- Porque podería ter feito máis, e a sociedade xamais me perdoará por ser… un robot incompetentE -  dixo triste U.M.A.
A nena abrazou o pé da Unidade, que era enorme, pois suxeitaba unha cidade, non ía  ser do tamaño dun escaravello.
- Como te chamas? -  preguntou a nena. O robot estaba abraiado, un humano comportándose amigablemente cunha Unidade de Migración Automática. O robot díxolle “U.M.A”.
- Gústame. Que cres que podes facer para arranxar os teus problemas?
A U.M.A movéronselle os engrenaxes da cabeza. Literalmente. Como responder a esa pregunta?
- Intentando realizar outra función diferente, para deixar de lembrarme do sucedido -  respondeu finalmente.
A nena intentou que o robot fose futbolista, pero non había pelotas o suficientemente grandes para el. Intentou que fose corredor olímpico, pero tampouco había pistas para o seu tamaño. Astronauta… Ben, el podía viaxar ata o infinito. O problema era o motor. O robot fixo que un experto o arranxase, e conseguiuno. A N.A.S.A contratouno, e as súas ordes eran simples: traer fotografías do anel de Saturno. U.M.A partiu. A nena desexou que todo lle fose ben alí onde ela descoñecía.
Pero o desastre veu á illa onde estaba a nena… Un tsunami ía a romper nas súas costas.
A N.A.S.A sabía como facer para evitar un desastre, a solución era o robot, tan amigo da nena. Inevitablemente, a onda arrasaría a illa, pero os cidadáns poderían subir a tempo aos ombros de U.M.A. Chamárono cun sinal, e pronto a sombra do xigante escurecía a cidade. Chegou a terra lentamente para non producir un terremoto.  Polos seus brazos mecánicos, a xente subía a el e quedábanse nos edificios que non foran destruídos polo accidente de Temalia. Cando a onda xigante estaba a punto de chocar coa cidade, U.M.A contou as persoas para saber se faltaba alguén, e era a nena. A moza que quería axudalo! Pero era tarde, se ía  buscala, o tsunami afundiríao co resto dos cidadáns.
Así, o robot decidiu irse de alí.
                                    *  *  *
Os cidadáns baixaron de U.M.A e quedaron nun país con forma de bota, Italia.  O robot sentíase mal. Era en parte a súa culpa o probable falecemento da nena. Chorou aceite.
Cando ía a limpar os restos do aceite, notou algo sólido na súa lámpada que inmediatamente luciu vermella. A nena! Era ela, cun sorriso enorme na cara.
Ela explicoulle que cando pensaba que non a encontraba, meteuse dentro do seu CPU, xusto a tempo, xa que se distraeu cos seus xoguetes.
Así, U.M.A, o robot migrador, e a nena, cuxo nome era Xulia, empezaron unha amizade que xamais sería esquecida.
                                 *  *  *
Os anos pasaron. Xulia morreu de vella. O robot tiña xa bastantes anos, pero seguía a funcionar. O presidente de Italia mandoulle albergar as especies protexidas nos seus ombros. Pandas, leopardos de neve, linces, tigres, tartarugas, baleas e outros animais en perigo viviron nel. U.M.A viviu moito tempo con eles, ata que o seu corpo parou de moverse: xa era vello, tiña que pasar. Os técnicos intentaron que seguise funcionando, pero non conseguiron nada.

A lámpada parou de alumear.


                                                                    Delia Vázquez González, ESO 1º C

2 comentarios:

  1. Encantoume o conto de Delia.
    María Oñate Castro e Ainhoa Owona García

    ResponderEliminar
  2. Que conto máis bonito, Delia.

    ResponderEliminar