3/25/2015

UN CONTO DE ANDREA

SILKIPUL



Moi boas a todos. O meu nome é Andrea, e vouvos contar unha historia nunca xamais contada, escoitaredes historias parecidas, pero non esta.
A miña nai di que todos cando nacemos, nacemos cun duende, e non cunha estrela como adoitan dicir. Eu non sei se facerlle moito caso, porque a miña nai é moi imaxinativa, inventa cada unha …!
O caso é que sempre di que a miña irmá, que era unha nena moi rabuda, naceu cun duende, pero non é un duende calquera, este naceu o mesmo día que naceu ela, un luns chuvioso do 24 de febreiro.  Esta é a característica que diferencia este caso, porque a todos cando nacemos  asígnasenos un duende, pero o difícil e estraño é que o duende asignado naza o mesmo día, no mesmo momento. E este é o caso da miña irmá. Duende e persoa están ligados toda a súa vida, aínda que aos duendes cando a persoa morre asígnaselle a outra. Todos sabemos que eles viven moito máis ca nós.


O carácter de ambos vai sempre ligado, isto é, tal como é un, é o outro, así que podemos dicir, que tanto miña irmá coma o seu duende eran rabudos. Como os dous eran pequerrechos, os dous foron caprichosos, teimudos e pouco durmiñóns, enerxía e movemento en acción. De aquí que a miña nai, un día de desesperación por non poder durmir, porque miña irmá apenas durmía, non fora ser o demo que se perdese algo, contoulle a historia de que tiña un duende. Deulle de nome Silkipul. Xuroulle e perxuroulle que ela o vira unha noite na súa cuarto, porque como era novo tivo o despiste de deixarse ver por un humano, cousa que a un duende vello nunca lle pasa. Este duende como era pequerrecho coma ela necesitaba durmir, porque senón, non podía coidala adecuadamente. Porque todos sabemos que cando durmimos, os nosos duendes coídannos e preparan na noite, a través dos nosos soños, o día seguinte. Nós, polo día, preparamos coas nosas accións a noite dos nosos duendes. O que dicía a miña nai, que estamos ligados.
Miña irmá ao principio non quería nin pechar o ollo porque quería ver o seu duende, mais como este feito é imposible, xa que a persoa nunca ve o seu duende, miña nai contoulle que a única forma que tiña de velo e poder falar con el era a través dos soños, iso se tiña sorte, porque para isto hai que durmir coma unha marmota. Tales eran as ganas da miña irmá de ver o seu duende que empezou a practicar a arte de durmir. Non vaiades pensar que foi de súpeto, non, custoulle moito. E cando por fin aprendeu, un bo día ergueuse chea de ledicia porque  coñecera a Silkipul. Dixo que era pequerrecho coma un garavanzo, que tiña uns pantalóns verdes curtos, ía descalzo, tiña os ollos e as orellas grandes e estaba todo despeiteado, aínda que limpiño coma un sol, e que lle dixo: Querida miña, se segues así, ti mais eu, imos facer grandes cousas.
Polo momento a miña irmá só ten 18 anos e non é que fixese nada estupendo, pero como ten tan boas notas, miña nai di que é o camiño para poder facer grandes cousas, que só hai que darlle tempo.
Cando nos contou esta historia, da que a miña irmá nin se acordaba, eu pregunteille que cal era o meu duende, o que me contestou foi que o meu duende ao non ter nacido o mesmo día ca min, ela non o coñecía, pero que se prestaba atención aos meus soños pola noite, algún día, teríao que ver. Pero que de todas formas, quen ten a maior sorte é  miña irmá, porque naceu cun duende novo, ou o que adoitan dicir as vellas; con boa estrela. Pero non por iso eu nacín estrelada, aclaroume miña nai. Simplemente que teño  que pór máis esforzo no que fago.
A miña nai ten a teoría de que a nosa enerxía provén dos nosos duendes, se tes un novo, vivirás máis anos e terás máis enerxía que os que teñen duendes vellos, de aí que hai xente vella que teñen enerxía a rabiar e xente nova que parecen vellos.
Algún día, a miña nai dixo que nos contaría algunhas historias máis das trasnadas de Silkipul, pero mentres isto non suceda, non volas podo relatar.


 
Andrea López Sanmartín, ESO 1º B

Ningún comentario:

Publicar un comentario