11/24/2013

NARRADORES DE PRIMEIRA/O

Témol@s, e moitos. Parabéns a Diego por ser o primeiro en lanzarse con esta historia tan ben escrita.




A excursión nocturna
O día 23 de maio o colexio tiña preparada unha saída ao monte e recordo que eu me atopara mal e non puidera ir.
Levaba semanas agardando, mercara calzado novo e unha gran mochila. Decepcioneime moito cando, pola mañá, miña nai viume mala cara e mediume a temperatura, tiña 38 graos. Quedei na casa moi triste.
Xa pola noite, meus pais saíron pasear e aproveitei que non estaban para ir ao monte, aínda que fose só. Puxen a roupa que comprara e marchei en bicicleta, ocultándome cada vez que alguén pasaba ao meu carón. Cando cheguei ao monte, primeiro achegueime ao río para refrescarme, pois fixera un gran esforzo, e ademais tiña febre. A pesar de todo estaba contento pero, de súpeto, comezou a tronar e, do susto caín ao chan. Entón, a bicicleta envorcou e foi parar ao río. Ademais, pareceume sentir o ouveo dun lobo. A partir dese intre, calquera son me espantaba, e comecei a crer que fora mellor quedar na casa. Decidín poñerme en camiño para volver, o malo era que o mapa e o compás que levaba comigo caeran ao río xunto coa bicicleta. Nese momento lembrei as leccións de orientación do profesor de Ciencias Sociais e busquei a estrela Polar, pero había demasiadas nubes e non a atopei. Pensei que a mellor opción sería esperar a que saíse o sol e orientarme mediante as sombras que produce. Iso sí, primeiro debía atopar un lugar onde refuxiarme. Calculo que tardei unha hora aproximadamente, non o sei con certeza porque non levaba reloxo. Pero por fin o conseguira, atopara unha cova que me causaba bastante medo, porque non tiña idea do que podería haber dentro, pero tiña frío e permanecín nela, aínda que non puiden conciliar o sono. Cando amenceu, por fin conseguín saber cara a onde ir, e así volvín á casa.
E resultou que a viaxe saírame cara. Castigáranme un mes sen saír, rompera a roupa nova, perdera o compás e a bicicleta e, por riba, subírame a febre. Iso si, fora ao monte.

                                                                                          Diego Teijo Barral , 1º D

Ningún comentario:

Publicar un comentario